Ruta do Lor, 2 de marzo de 2014, Seoane do Caurel.
Hoxe é un día moi especial para min: hai dous anos que falta unha das persoas máis importantes da miña vida; quérote MAMÁ....
Comezamos a nosa andaina coma sempre ás 8 da mañá en Ferreira. Sobre as 10 da mañá chegamos ó alto do Cebreiro; había neve na beira da estrada, pero non facía frío. Paramos tomar uns cafés nun complexo de montaña moi turístico pero, dentro do local, xa era outra cousa: pouco acolledor, pouca hixiene, persoal pouco amable e, por riba, moi caro.
Ás 11 comezamos a travesía; o tempo non nos axudou moito ou nada: choveu toda a mañá, privándonos de apreciar o entorno como se merece. Teño que recoñecer que, sen gustarme moito o monte, estou comezando a amalo; creo que ten moito que ofrecer a Nai Natureza. As montañas do Caurel son preciosas e maxestosas . O bosque autóctono: carballos, castiñeiros, xestas, brañas, etc. Hai cachopos que teñen moitísimos anos con formas caprichosas; son realmente fermosos.
Tamén hai espallados polo monte refuxios que no seu día deron cobizo ós gandeiros que ían ó monte cos animais.
O río Lor estaba impresionante pola cantidade de auga que levaba e a súa bravura. Tivemos que cruzalo por unha ponte de madeira que estaba medio podre, rota, e encima esvaraba. Cruzamos varios regatos directamente pola auga.
Así, mollados coma pitiños, chegamos a Seoane do Caurel todos ledos e pensando no cocido. Pero a alegría durounos pouco, pois faltábanos unha compañeira que se despistou na ruta. Saíron buscala, e en seguida a atoparon, todo quedou nun pequeno susto..
Comemos un bo cocido, bebemos un bo viño, e tomamos un bo café de pota. Logo, xa no autobús, outra pequena anécdota, a porta non pechaba. Xa pensabamos que tiñamos que viaxar así, pero Ángel tirou dela e, despois de varios intentos, conseguiu cerrala.
Quero agradecerlle a CASA FERREIRO a axuda prestada e a súa hospitalidade. Recoméndolle a tódalas persoas que pasen por Seoane do Caurel facer alí unha parada; seguro que saen encantadas.
Vémonos na próxima, un saúdo para todos!
Ramira Pérez Fernández
jueves, 6 de marzo de 2014
Suscribirse a:
Entradas (Atom)